03/03/2022
«Teceron no aire
un berce de seda branca
as arañas da memoria
para que durma a túa ollada perdida
para que non sufras se me ves marchar» *
Marchar….
E as aldeas foron quedando baleiras nun proceso que semellaba ía ser definitivo...Que as casas verían os lousados e paredes caer, as eiras encherse de silveiras e o esquecemento facelas desaparecer ata tan so quedar como unha morea de pedras no perdido….
Pero pouco a pouco lugares abandonados foron ocupados de novo por xente que ía chegando de sitios lonxanos. Que non tendo lazos de sangue ou parentesco cos mesmos deron pé a novas formas de desenvolvemento duns recursos que doutro xeito difícilmente serían postos en valor polo despoboamento sufrido.
Velaquí os novos poboadores do rural, da Galiza profunda...Mulleres, homes e crianzas que apostan porque a súa nova vida sexa, aparte dun proxecto persoal, a revivificación das bisbarras nas que se asentan con propostas moi distintas e enriquecedoras como as que veñen a participar nestas novas «Alternativas do Rural» que Nordés presenta para este próximo 12 de marzo. Baixo o título de «Novos poboadores», e que se desenvolverá como se recolle no cartel adxunto, destacando a visita e xantar na Granja Labrada - Bed & Horses (Grañas do Sor) - da man das novas poboadoras Mar e Sara- ou o debate no «Abeiro de Mañón» coa participación de distintas persoas que coas súas propostas están axudando a que o rural galego non se baleire, contribuindo a tecer un berce de seda branca de memoria e progreso.
☑️ Necesaria inscrición previa para o xantar con Cocido madrileño (de 15€/persona) en [email protected] ou chamando ao 653 756 454 (Ricardo).
________
** Extraído dunha peza audiovisual relacionada co libro No interior do abandono, de Carlos Lorenzo (fotografías) e Baldo Ramos (poemas), editado por figurandorecuerdosedicions. Enlace: https://vimeo.com/444400200