08/09/2026
COMUNICADO DA COMUNIDADE DE MONTES DE PEREIRAS ANTE UN PROXECTO DE LINEA DE ALTA TENSION QUE ATRAVESA PEREIRAS
Ante o novo trazado da liña de alta tensión que afecta á parroquia e ao monte comunal de Pereiras
A Comunidade de Montes de Pereiras quere manifestar publicamente a súa oposición ao novo trazado da liña de alta tensión que, segundo o proxecto que dende onte se somete a exposición pública, atravesará a parroquia de Pereiras e afectará directamente ao noso monte comunal, así como a casas, vivendas e distintos barrios da nosa parroquia.
Polo tanto, estamos ante unha infraestrutura que non só afecta ao monte comunal, senón que tamén ten unha incidencia directa sobre propiedades particulares, vivendas e veciños e veciñas de Pereiras, tanto polo propio trazado como polas afeccións derivadas da súa instalación e das servidumes correspondentes.
Segundo a información que nos foi trasladada recentemente nunha reunión mantida no Concello de Mos, o novo trazado contempla a instalación de catro torres de aproximadamente 40 metros de altura dentro do monte comunal de Pereiras, unha afección que consideramos de especial gravidade polo seu impacto sobre o territorio, a paisaxe e os recursos do monte.
Desde a Comunidade de Montes queremos agradecer ao Concello de Mos toda a información que nos foi facilitada, así como a disposición mostrada para trasladarnos os detalles do proxecto. Agradecemos especialmente que os planos relativos ao trazado nos foran facilitados con anterioridade á apertura do período de información pública, o que nos permitiu coñecer previamente as afeccións previstas e comezar a traballar con tempo na análise do proxecto e na defensa dos intereses da parroquia.
Cómpre lembrar que o monte comunal de Pereiras conta actualmente cun proxecto de ordenación en vigor, que establece unha planificación e unha xestión do territorio orientadas á conservación e ao aproveitamento sostible dos seus recursos.
Estamos ante un espazo que posúe unha importante riqueza natural, etnográfica e paisaxística, na que se integran elementos de especial valor como o Roteiro dos Muíños da Salgueira e do Monte de Pereiras, que pon en valor o patrimonio natural e cultural da parroquia.
Ademais, estase tramitando a declaración dun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) que abrangue terreos do monte comunal xunto con numerosas propiedades particulares da parroquia. Todo isto evidencia o valor ambiental, patrimonial e paisaxístico que ten este territorio e fai aínda máis difícil de comprender que se pretenda implantar nel unha infraestrutura deste impacto, afectando tanto ao monte como a propiedades e vivendas da parroquia, sen estudar e valorar outras alternativas.
Desde a Comunidade de Montes estamos xa traballando na elaboración das correspondentes alegacións e coordinándonos coas traídas de augas de Pereiras, tamén afectadas polo proxecto, así como coa Asociación de Veciños Nosa Terra, co obxectivo de defender conxuntamente os intereses da parroquia e dos seus veciños e veciñas.
A nosa posición é clara: non nos opoñemos ao progreso nin ao desenvolvemento das infraestruturas necesarias, pero consideramos que existen alternativas que deben ser estudadas antes de impoñer unha nova afección sobre o territorio de Pereiras.
Por iso, defendemos como opción preferente que o trazado discorra pola estrada provincial, enlazando coa rúa Clara Campoamor e continuando ata Citroën, tendo en conta que é esta actividade industrial a que se pretende abastecer mediante esta infraestrutura.
Como mal menor, no caso de que finalmente se considere imprescindible atravesar o monte comunal, entendemos que a liña debería soterrarse e discorrer polas pistas existentes do monte, reducindo así o impacto paisaxístico e territorial e evitando a instalación de torres de grandes dimensións no noso territorio.
O monte comunal de Pereiras non pode converterse no peaxe permanente de todas as infraestruturas que dan servizo a Vigo e á súa área industrial.
Non podemos esquecer que o noso monte e as nosas augas xa están afectados polo proxecto do túnel cara a Vigo, e agora súmase este novo proxecto de alta tensión, que ademais afecta directamente a casas, propiedades e barrios da parroquia. E todo apunta a que, no futuro, poderían aparecer novas infraestruturas que volvan recaer sobre o mesmo territorio.
Pereiras leva décadas asumindo as afeccións derivadas de infraestruturas que prestan servizo a outros territorios. Consideramos que xa é suficiente. O desenvolvemento e o progreso deben ser compatibles co respecto polo territorio, polo monte comunal, polos recursos naturais, polo patrimonio, polas propiedades particulares e, sobre todo, polas persoas que viven aquí.
Non se pode falar de protección, posta en valor e ordenación dun espazo natural e, ao mesmo tempo, permitir que sobre ese mesmo territorio recaian novas infraestruturas de gran impacto sen analizar todas as alternativas posibles.
Desde a Comunidade de Montes de Pereiras queremos trasladar unha mensaxe clara: defenderemos o noso monte, as nosas augas, as propiedades afectadas e os intereses da parroquia por todas as vías que estean ao noso alcance, presentando as alegacións correspondentes e esixindo que se estuden alternativas menos lesivas.
Así mesmo, queremos informar a todos os comuneiros, veciños e veciñas de Pereiras de que serán debidamente informados de todo os proceso.
Para tal fin, a Comunidade de Montes convocará unha Asemblea Extraordinaria de comuneiros e organizará tamén unha reunión aberta a todos os veciños e veciñas da parroquia, nas que se explicará polo miúdo o proxecto, as afeccións previstas, as alternativas que defendemos e as accións que se vaian adoptar.
O monte comunal é de todos e todas. As casas, as augas, o patrimonio e o territorio de Pereiras tamén. A súa defensa é responsabilidade de todos.
Comunidade de Montes de Pereiras
Pereiras, 8 de setembro de 2026